Zënzar, a banda decana do rock en galego despois de cumprir 31 anos ininterrompidos nos escenarios, presenta o seu novo videoclip, Standing Rock. O tema pertencente ao último disco da formación de Cerceda, é unha homenaxe a tódalas labregas e labregos que nos anos 70 loitaron tratando de protexer As Encrobas da destrución.
O traballo discográfico máis recente de Zënzar viu a luz en marzo deste ano, baixo o título Benvidas ó futuro. Este traballo supón unha nova etapa para a banda, despois do falecemento do seu baixista fundador Tabe en novembro do 2016 e por primeira vez con Roi Gil, técnico de directo desde hai anos, aos mandos da gravación. Laura Romero, baixista da banda desde abril de 2016, foi a encargada do deseño gráfico do mesmo.
Benvidas ó futuro é o disco máis persoal de Zënzar, no que traballaron e participaron xente moi próxima ao grupo: Manuel Silveira, exmembro fundador, Xavi Pardeiro “O Reverendo”, Anxo Silveira (Talesien), Juankar (Boikot), Miguel Duarte, Zeltia Irevire, Mini Rivas, Ramiro Vidal, Emma Pedreira, Laura Rey, Manolito Buyo e Peter Brea entre outros. Un disco que continúa o seu legado guitarreiro, con letras combativas, directas e sarcásticas sobre os problemas persistentes en Galicia do século XXI, pero conseguindo unha maior potencia, similar á dos directos.