Verbena no Raval e ano santo en Compostela

Co pretexto de dar acceso á cultura a todos os estratos sociais, o modelo económico de Barcelona está socavando o sentido da cidade e dos barrios. Os plans estratéxicos dos últimos trinta anos tiveron efectos positivos na economía urbana, mais non na cultura. Por iso Barcelona debería servir de contra exemplo para cidades en proceso de xentrificación coma Compostela

Entre as nove e as once da noite, de luns a domingo, o Raval de Barcelona parece unha verbena. Non unha verbena calquera, enténdase: ten lugar na praza do museo de arte contemporánea de Cataluña (malia recibir o nome de Museu d’art contemporani de Barcelona para reforzar a marca da cidade). Os convidados habituais á festa son os estudantes que saen das facultades, os do botellón cos seus altofalantes e cervexas de litro, os skaters, os visitantes do museo e do Centro de Cultura Contemporánea co seu aquel outsider, os bailaríns e os cantantes de rap.

Na praza do Macba hai cultura contemporánea dentro e fóra do museo e hai dez anos que non deixa de medrar. Pero non é un segredo que este espazo de encontro multicultural non xurdiu por casualidade. Como lugar público, son moi diversos os usos que se lle dan, e moita expresións culturais non teñen máis remedio ca xestarse na rúa. Iso non é incompatible con que o mélange fora previsto hai décadas e forme parte do plan urbanístico máis importante de Barcelona despois do Cerdà.

Hai tempo que Barcelona vive á sombra do ano 92; amenceu aturdida e mexada por enriba, e nótase sobre todo os domingos. Así pois, o Macba abre ao público no ano 95, ao tempo có CGAC. Santiago tomou como referencia cidades desindustrializadas como Bilbao e Barcelona e procurou situarse no panorama cultural nacional e internacional. É tamén nesta década cando comeza a idearse a Cidade da Cultura. Como na Barcelona dos 2000, Compostela alberga máis festivais de cada vez -poñamos por caso o Son do Camiño, que apareceu co gallo do Xacobeo-. Non queda tan claro que a cultura sexa un dereito para todos: semella máis ben un recurso e é posible adiviñar que en proxectos así forman parte do plan estratéxico da cidade, igual que aconteceu na capital catalana.

Que a dinámica actual da cultura barcelonesa (mesmo a que ten un cariz espontáneo) sexa produto dun plan urbanístico non lle resta valor nin autenticidade: o que sae deste barrio é cultura popular, urbana, do tipo que pertence á xente do lugar. O problema é saber de quen é a cultura feita nun lugar ao que ninguén pertence. Non aos veciños, eses son os menos interesados porque non se identifican cunha cultura por unha banda excluinte e por outra que non lles deixa durmir polas noites. Hai que marchar lonxe do centro para atopar expresións culturais da xente do lugar: están en Sants, en Horta, en Nou Barris… pero non no Raval.

Daquela, por que as universidades se instalaron nun dos barrios con maior taxa de criminaidade de España? Por que os centros experimentais, a Filmoteca, a Biblioteca de Catalunya, entre outros equipamentos culturais, levan dende os 2000 acomodados no Raval? Foi decisión do goberno de Pascual Maragall para atraer a clases medias e ás – case extintas- clases creativas a unha zona marxinal. Vinte anos despois, pasear por esta parte da capital catalana recorda ás veces a Lisboa, outras a Milán, en xeral a calquera cidade en proceso avanzado de xentrificación. O deseño, a arte e as manifestacións diversas da cultura son unha forma de turismo e a calquera estudante chegada de Compostela resúltanlle chamativas as cafeterías starbcukizadas, as tendas de deseño ás que non entra ningún veciño e os locais de roupa vintage. Vendo isto recordo con agarimo o café do Hotel Costa Vella e pregúntome se non estaría eu a ser partícipe activa do proceso de conversión de Santiago nun Disneyland para turistas. Logo agradezo que o clima santiagués non sexa mediterráneo e iso exerza como barreira protectora fronte o turismo rápido.

E non sei que nos pasa ás persoas que viñemos vivir a esta zona, que quizais somos inmunes a ese cheiro inconcreto pero ineludible, ás xiringas nas esquinas e á xente que durme ao pé da escola Massana, un proxecto arquitectónico millonario que tiveron a ben de situar na parte traseira da Boquería, onde se reúnen as persoas sen fogar a ver se cae algo a piques de caducar. Ao mellor disfrutamos da beleza do sórdido, da estridencia das sereas de ambulancias e os furgóns dos mossos na noite, do atractivo de descubrir entre carteis de protestas veciñais novas mostras de street art.

O Pla Estratègic de Cultura de Barcelona do ano 2006 emprega termos como produción e retorno económico da cultura: “máis cultura nos barrios ten que facilitar a emerxencia de novos públicos, que alimentarán o sistema de produción e que, ao tempo, son o viveiro para novos creadores.” O de creadores é un concepto que non manexaban anteriormente porque non se implantaran na economía da cidade as fábricas de creación. A intención do plan é levar a cultura a todas as capas sociais, reza no documento. É un obxectivo lexítimo, tenro, pero ideal. A cultura é un dereito, pero actualmente un privilexio, pois as persoas precisan garantías doutras cousas para exercelo.

Os demandantes e creadores da cultura non nos podemos enganar: o que acontece en Barcelona non sería beneficioso para a sociedade e a cultura galega. O idioma, a comunidade e a identidade local son ámbitos a defender, ou seremos partícipes da transición a un modelo económico fráxil que se basea no turismo das experiencias e no consumo rápido, visual, efectista, da cultura. En ceder identidade a cambio dun retorno económico.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.