‘Captain Tsubasa: Rise of New Champions’: Máis preto do ‘Tekken’ que do ‘FIFA’

A día de hoxe, seguirlle a pista a Oliver Atom (Tsubasa Ozora) segue a ser interesante. Un dos títulos estrela da Shonen Jump nos 90, tomou un rumbo máis adulto entrados nos 2010 para reflexar a un Atom máis adulto nunha nova serie chamada Captain Tsubasa – Rising Sun. Que foi daquel Oliver Atom que vimos no Estado? Seguíu xogando no Barça? Que foi de Tom Baker, Benji Price ou Mark Lenders?

Rising Sun da resposta a isto. Atom acaba de gañar a Liga Española, formando un dúo de ouro xunto a Rivaul. Pouco despois disto, recibirá a chamada para participar nos Xogos Olímpicos e volver a reencontrarse cos seus vellos amigos: Benji, quen agora xoga no Hamburgo; Baker, quen quedou en Xapón xogando no Júbilo Iwata (Xunto outros como Bruce Harper ou Jack Morris); Lenders, dianteiro do AC Reggiana… E xuntos, tentarán conseguir a medalla de ouro. A día de hoxe, estanse a enfrontar a Alemaña nos oitavos de final —partido que, por certo, ten lugar en Riazor— e xa levan así case cincuenta episodios.

Aínda sendo semanal, non resulta sinxelo seguir Capitán Tsubasa. Sempre foi recurrente o chiste de que na serie de televisión tardaban máis de 20 minutos en cruzar o campo, e no manga a sensación de que o tempo non pasa é incluso maior. É tan lenta e ten tan pouco ritmo que acudir a ela é, como moito, unha maneira de matar a curiosidade sobre que estarán facendo agora personaxes que viamos cando eramos nenos.

Captain Tsubasa: Rise of New Champions é todo o contrario a isto. Estamos ante un xogo divertido, dun ritmo trepidante e que se fai longo non porque as partidas duren moito, senón porque existirán tantos pequenos detalles que desbloquear (ataques especiais, desafíos, finais alternativos…) que o tempo pasará voando mentres tentamos completar todo aquelo que ten dentro.

UNHA XOGABILIDADE PROPIA, FRESCA E ÚNICA

Nas imaxes semellaba que o Captain Tsubasa: Rise of New Champions estaría preto de xogos como o FIFA ou o Pro Evolution Soccer, o que nos facía pensar de primeiras que teríamos un control total do xogo, e que estaría máis preto desa simulación do fútbol que existe nesas sagas pero con toques fantásticos propios de Captain Tsubasa. O resultado final é que, incluso se hai 22 xogadores nun campo de fútbol loitando por marcar máis goles que o contrario, as similitudes coas sagas clásicas quédanse aí: nin moito menos, calquera coñecemento que haxa nos xogos de fútbol servirá para algo en Captain Tsubasa: Rise of New Champions.

Tampouco semella preto do fútbol salvo por esas mesmas razóns. Existen os foras de xogo (aínda que non son moi habituais), os equipos cambian de lado ao comezar a segunda parte do partido… Pero non existirán as faltas. O noso obxectivo será conseguir regatear a todos os xogadores que poidamos para marcar gol, pero sendo conscientes de que moitos deles terán habilidades únicas que farán que os seus golpes (si, golpes) para quitarnos o balón nos fagan saltar polos aires.

Teremos, para conseguir marcar gol a porteiros cunhas habilidades sobrehumanas, unha barra de enerxía que se cargará ao manter pulsado o botón de disparar a porta. Se conseguimos regatear a dúas persoas, dita barra cargarase con maior velocidade. Ademais, os disparos que carguemos aquí non serán tiros normais, senón que farán que salte unha animación que dará lugar aos tiros especiais que tiñan os personaxes da saga, sexa o Tiro con Efecto de Tsubasa (Oliver), o Tiro do Tigre de Hyuga (Lenders) ou moitos máis dependendo da personaxe que esteamos a controlar. Pasará algo semellante cando, en lugar de marcar goles, manteñamos o botón de pase pulsado para, de maneira precisa, darlle o balón a un compañeiro.

E é que algo a ter en conta é que é practicamente imposible que atopemos dous personaxes iguais: todos aqueles que vimos na saga terán habilidades diferentes, sendo únicas as súas maneiras de regatear, disparar, tentar sacar o balón ao adversario e incluso, nalgúns casos, a maneira na que se tentará bloquear o disparo a porta do noso contrincante.

Con todos estes elementos, o xogo non dará un segundo de descanso á hora de poñernos a botar un partido: teremos que mover os nosos dedos de maneiras rápidas, calculando ao dedo cando o noso adversario nos fará unha entrada para así regateala e conseguir suficiente espazo como para poder disparar a portería. No caso de que non o consigamos, tocará roubar o balón. Isto dará lugar a escenas no medio do campo nas que, durante un par de minutos, veremos como adolescentes voan polos aires unha e outra vez ata que un deles consegue levar a pelota cara a outra portería.

A medida que avanzamos na trama da historia, ademais, iremos desbloqueando diferentes elementos que aportarán frescura ao xogo tales como Super Tiros (Cuxa potencia é tal que será case imposible que os porteiros consigan facer nada cando acontecen) ou pases e disparos combinados. Isto permitirá se manteña a frescura, pois será capaz de sorprendernos con pequenos elementos que nos aportarán grandes momentos dentro da partida, sexa dende unha animación nova e épica ata unha necesidade de acostumarse a novas dinámicas.

UNHA HISTORIA PARA REPETIR UNHA E OUTRA VEZ (LITERALMENTE)

O xogo conta con tres modalidades diferentes: unha que nos permitirá botar un partido ata con catro amigos, outro modo versus en liña no que nos podemos enfrontar con outros xogadores para ascender nun ránking, e, aínda que semelle estraño, un Modo Historia dividido en dúas partes.

A primeira parte contará historias xa sabidas, situándonos no torneo de secundaria da serie orixinal que rematou enfrontando ao Nankatsu de Oliver Atom contra o Toho de Mark Lenders. O episodio recibe o nome de “Episodio Tsubasa”, e controlaremos ao Nankatsu ata levalo á cima do torneo nacional. Iremos aprendendo as básicas do xogo, e recordaremos con nostalxia o que xa sabiamos.

Unha vez rematemos este modo, desbloquearase un modo chamado Nóvo Heroe, no que directamente se nos lanzará a días despois de que remate o Episodio Tsubasa e nos pedirán que creemos un novo personaxe e escollamos unha escola, podendo acabar militando no equipo do propio Mark Lenders, no Furano de Phillip Callahan (Hikaru Matsuyama) ou no Musashi de Julian Ross (Jun Misugi). A nosa elección levaranos a unha pequena mini-historia diferente, onde coñeceremos máis ás personaxes en cuestión e ás súas motivacións.

A escusa para levar a cabo esta pequena historia será a realización dun novo torneo entre os equipos de secundaria para escoller aos que serán os representantes de Xapón nun torneo internacional. Terás pois que enfrontar os mellores equipos de secundaria xaponeses para, unha vez gañes o torneo, ser parte da selección.

Nesta parte do xogo pasará a ter peso outra das cuestións centrais deste, que son as cartas de xogadores: terás que crear relacións con xogadores de todos os equipos para, mediante subida de nivel de amizade e desafíos, estes che ensinen a realizar as súas técnicas máis poderosas, ademais de darche diferentes pasivas que farán que a túa personaxe teña un estilo único. Ademais, rematar tendo unha estreita amizade con certos xogadores de Brasil ou Estados Unidos desbloqueará un final alternativo onde na final, no canto de Alemaña, terás que enfrontar ditas seleccións. Con isto en mente, tes que saber que para debloquealos deberás repetir a campaña, como mínimo, tres veces.

ARRISCADAMENTE REPETITIVO E CHEO DE BUGS

A personaxe que crees no modo historia conta cunha seria vantaxe, sobre todo para o xogo online competitivo, por riba dos xogadores orixinais da saga: ao poder personalizalo e conseguir vantaxes ao manter relacións cos diferentes xogadores, serás capaz de desbloquear ataques imparables nun xogador dunhas características envexables que che permitirá gañar de maneira sinxela os partidos.

Con todo, o camiño ata ter ese xogador imparable está cheo de fochancas. Para que as habilidades do teu personaxe melloren este deberá ser, dunha maneira constante, o mellor xogador dun equipo cheo de estrelas capaces de marcar gol cun esforzo moito menor, facendo que centrarse en mellorar a este poida rematar facendo que perdas partidos.

Se non ten un par de boas xornadas e aínda así gañas, caerá na mediocridade e a anos luz dos mellores xogadores da saga, co cal terás que repetir de novo todo o proceso. Ademais, desbloquear certas habilidades precisa que completes desafíos que, igualmente, poden facer que perdas o partido por estar demasiado centrado nelas.

En xeral, a falta dunha conexión co xogo pode facer que un non estea disposto a repetir isto unha e outra vez. E aquí entra un dos problemas máis grandes que ten o Captain Tsubasa: Rise of New Champions: A día de hoxe, continúa cheo de pequenos erros que fan que a xogabilidade ás veces deixe demasiado que desexar: porteiros que voan fora da portería, balones que van dun lado ao outro do campo nun rebote, regates que se quedan atascados… Por non falar de que, en sistemas como o PC, o modo online aínda non funciona.

Da facilidade para encaixar estes problemas depende moito da paciencia de cada un e das súas ganas de, simplemente, rolear. O modo historia permite unha caracterización das personaxes orixinais bastante ampla, podendo decidir peinado, roupa, ollos e musculatura do xogador en variedades industrais, e tamén permite que cada un xogue nunha posición diferente entre a defensa, o centro do campo e a dianteira, permitindo espremer cada rol de maneira diferente grazas ás pasivas que os xogadores pode conseguir. Con todo, esta variedade depende da paciencia e das ganas de cada un para crear xogadores diferentes, así como tamén do coñecemento que aquel aos mandos teña dos diferentes elementos do xogo.

Captain Tsubasa: Rise of New Champions non é un xogo para todos os públicos, e nin sequera a nostalxia é capaz de enfrontar unha xogabilidade máis preto do Tekken que do FIFA ou o Pro Evolution Soccer. A paciencia para aprender a controlalo é necesaria, mais a capacidade que ten este mesmo para ir introducindo os elementos de a pouco fai que, sen dúbida, estea cheo de frescura e elementos interesantes.

Captain Tsubasa: Rise of New Champions
Desenvolvedor: Tamsoft, Bandai Namco
-Ano: 2020

Plataformas
PlayStation 4, Xbox One, Nintendo Switch, PC
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.