O Final Fantasy X cumpre vinte anos e non estou ben

Penso que todo ser humano ten algún elemento da súa infancia idealizado. É algo natural e inevitable. Hai lembranzas que inmediatamente levan a bos momentos. Imaxes, actos, olores… calquera cousa pode levarnos a ese momento tan puro onde simplemente había felicidade. No meu caso é un piano e unha espada cravada no chan.

Final Fantasy X cumpre vinte anos e creo que é un bo momento para abrirse un pouco, porque é un videoxogo que foi importante para min. En primeiro lugar, creo que é un bo momento para sinalar que nos facemos maiores. En poucos meses terei vinte e cinco, aínda formo parte dese tramo de idade que polo que sexa non nos gusta a idea de mercar unha casa. Este videoxogo fai vinte anos e o mundo avanza sen pararse a respirar.

A miña relación cos videoxogos vén marcada polo Final Fantasy X  e iso que cheguei a el de casualidade. Eu tiña todo para converterme nunha desas persoas que actualmente estafa Nintendo coas súas prácticas abusivas. Un potencial coleccionador de Amiibos e escravo de Wallapop para conseguir un xogo da Switch a un prezo próximo a aceptable.

Hai pouco subín ao rocho a miña colección de revistas Nintendo Acción mercadas durante anos e anos co seu particular suplemento de Pokemon. Co seu consultorio do profesor Oak que lía todas os meses para ver se destas dicían como se pasaba detrás da caixa da señora do post game do Pokemon Verde Folla, para ver se alguén me explicaba que non se me ía romper o xogo porque me saíra un Muk de cor azulado.  

E entón o Final Fantasy X cambiou a miña vida. Foi o primeiro xogo que probei nunha Playstation 2 mercada de segunda man no Game de preto da miña casa pouco antes do lanzamento da Playstation 3. Unha consola que segue funcionando a día de hoxe e que nese momento para min foi algo absolutamente sorprendente. A historia de Yuna e Tidus foi o primeiro xogo que aluguei no Game para esta consola. E tamén o primeiro que merquei cando tocou devolvelo.

E foi primeira vez que chorei xogando a un videoxogo. Eu tería uns doce anos e foi a primeira vez que unha obra me emocionaba ata ese punto. Ata ese momento, para min isto dos videoxogos fora algo de simple diversión. Nunca pensei que me poderían marcar tanto. Nese momento algo cambiou en min.

Ademais, lembro o xogo como o mais bonito que me puiden tirar á cara nese momento. Os eóns de Yuna parecíanme o máis espectacular da historia ata un punto que lle cuspirían á cara ao fotorealismo actual. Era o meu xogo. Deixei de xogar a crerme Mewtwo no recreo do colexio para ser un deses personaxes. O blitzball era o mellor deporte que se podía ocorrer e lembro ver partidos de waterpolo pola televisión pensando que era o mais semellante que ía ver no mundo real.

E todo iso cumpre vinte anos, aínda que eu o collera un pouco máis adiante. E é complicado de asimilar. Porque como digo, non é o xogo en si, son toda a relación con el e todo o que sentín no meu momento. Síntome como cando eu xogaba a DS, os que lembraban a SNES e é ata raro que os xogos que hai moito que sacaron non sexan unha puñada de bits como grans de arroz.

E tamén hai algo que quero confesar. Non xoguei ao remake recente do xogo, nin en principio teño moitas ganas de facelo, dáme medo. Non quero pensar en que os escenarios cheos de vida e as cinemáticas espectaculares pois eran simples, estáticas e incluso feas. Prefiro vivir coa historia na cabeza, cunha imaxe idealizada diso que no seu momento foi tan importante para min. Dende logo, se alguén veu buscando unha análise non é o sitio, porque nin tan sequera lembro de todas as mecánicas do xogo nin todos os xiros argumentais. E aínda así defendo o Final Fantasy X como un fillo.

Porque ás veces importa reivindicar o que te fixo feliz nun momento, porque en tempos complicados pouco máis se pode pedir que alguén que te queira, establidade económica e unha biblioteca de cousas que te leven a momentos felices.

O Final Fantasy X foi tan importante para min porque foi o meu único xogo propio desa Ps2 durante moitos meses. Agora descargo e borro xogos co Game Pass a diario. Podo encariñarme co contido, pero non co continente. Consumo videoxogos como consumo cine, con paixón pero sen ese tipo de relación. E non algo malo, pero o mundo cambia e nos facemos maiores.

E este é un momento como calquera outro para lembrar. Lembrar de cousas de hai anos, cousas que cambiaron, outras que se foron e outras que seguen aí. Para min foi un shock escoitar nunha canle de Twitch ao responsable do Consultorio do Profesor Oak que chegou un momento no que deixaron de chegar cartas e se inventaban todos os meses o contido. Logo lembrei que, efectivamente, eu tampouco enviei nunca ningunha carta.

E este escrito pode ser como as batallas dun vello. E tamén pode ser que sexas maior ca min e penses que son parvo perdido, non te digo que non. Pero ver hoxe que o Final Fantasy X cumple 20 anos tocoume. Pode ser ata que tire os medos a un lado e o xogue outra vez. Volver vivir a aventura con Wakka e os demais. Non sei, ao final hai cousas que te impulsan a seguir vivindo e unha desas cousas é a sensación de estar vivo. E non hai nada máis vivo que que os anos pasen. Aínda que queden cousas polo camiño e unhas bágoas ao descubrir quen era Sinh.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.