Os 10 videoxogos que máis agardamos de 2020

A piques de dar os seus últimos pasos esta última xeración de videoxogos, moitas produtoras teñen aínda tanto que mostrar que a primeira sensación que podemos ter ante tanta promesa de obra mestra é asombro. Seleccionar soamente 10 videoxogos nun ano tan cargado xa non só de novos produtos, senón tamén de remakes e segundas partes de xogos que formaron parte dos nosos corazóns durante os últimos anos semellou unha tarefa imposible. Con todo, aquí está unha pequena selección de todo o que xogaremos durante este 2020, e da cal se quedaron moitas cousas fóra.

Dragon Ball Z: Kakarot

Bandai Namco Entertainment, CyberConnect2

Os videoxogos de Dragon Ball Z nos últimos tempos repetían a mesma fórmula, sendo todos de pelexas onde as combinacións de botóns e a nosa velocidade ao púlsalos, xunto á nosa capacidade para non dislocarnos os dedos, facíanos ser os gañadores dos combates. Con todo, antes disto, Bandai apostara forte por moitos xogos para as consolas portátiles onde podíamos controlar aos nosos personaxes favoritos, cunha historia detrás que moitas veces emulaba a historia do manga e anime orixinais.

Dragon Ball Z: Kakarot tentará combinar ambas, sendo o primeiro intento de Bandai por levar a máis que famosa saga aos xogos de mundo aberto. Poñerémonos no corpo de Goku, e unha vez aí iremos repetindo a historia de Dragon Ball Z, incluíndo misión secundarias que apareceron en capítulos de recheo da serie de animación orixinal.

Final Fantasy VII Remake

Square Enix

Tal vez, Final Fantasy sexa unha das sagas máis queridas da historia dos videoxogos. Plataforma a plataforma, xeración a xeración, vimos como as novas entregas desta saga reconvertían a súa xogabilidade e traían algo que os facía unha experiencia inesquecible.

Catro anos despois do último Final Fantasy, o Final Fantasy XV, Square Enix non se anima a unha nova entrega da saga, senón que pola contra contesta por fin ás voces de súplica de tantos e tantos fans e chegará agora un remake do Final Fantasy VII, agora baixo a estela do Unreal Engine 4, con combates a tempo real e con cambios na historia. Todo isto baixo o brazo de Tetsuya Nomura, quen tentará facer da nova entrega un produto tan icónico para unha nova xeración igual que o foi o anterior.

Animal Crossing: New Horizons

Nintendo EPD

En marzo, volve Animal Crossing, e coa saga personaxes icónicos como Tom Nook. Esta vez, con todo, trae consigo un novo proxecto: O Plan de Asentamento en Illas Desertas de Nook Inc.

Animal Crossing: New Horizons promete más liberdade que nunca, deixando atrás os concellos e propoñéndonos reactivar unha illa deserta dende o comezo, deixando voar a nosa imaxinación para que poidamos construír como nunca, sempre sen perder o encanto habitual que caracteriza a saga.

Cyberpunk 2077

CD Projekt RED

Dende o seu primeiro trailer, Cyberpunk 2077 foi chamado a ser un dos xogos do ano. O seu primeiro tráiler encantou, mostrando un xogo de mundo aberto nunha distopía e onde a personalización parecía ser mellor que calquera xogo que puideramos ver no pasado. A iso é obrigado sumarlle a presencia no xogo de Keanu Reeves, quen anunciou el mesmo que formaría parte do xogo e co cal nos atoparíamos en varias ocasións.

Se parecera pouco debemos tamén ter en conta que detrás do proxecto está CD Projeckt RED, máis coñecidos polos videoxogos de The Witcher, a cal recibiu fai ben pouco unha serie en Netflix da que é difícil non querer falar. Mostran moita paixón polo xogo, e prometen unha experiencia única. Alí estaremos.

Gods & Monsters

Ubisoft

Que despois de apostar forte pola saga Assassin’s Creed agora Ubisoft teña as súas esperanzas en Gods & Monsters, proxecto dos creadores de Assassin’s Creed Odyssey, sorprende. En parte, é inesperado porque pérdese ese realismo tan visceral da saga por un proxecto máis cartoonizado, pero que ao mesmo tempo ofrece uns deseños impresionantes.

Gods & Monsters será unha nova aventura de acción, nun mundo cheo de monstros e mitoloxía que nos contará a historia dun heróe nun mundo no que o fillo de Gea derrotou a todolos deuses. Fenyx abrirase paso por ese mundo caótico intentando que a luz volva a reinar.

Trials of Mana

Square Enix

Trials of Mana non é unha novidade en si, pero si que o é para occidente: Lanzado para Super Famicom por Square (agora Square Enix) en 1995 baixo o nome de Seiken Densetsu 3, trátase dun xogo de rol que contaba coa dirección de Hiromichi Tanaka.

A deusa de Mana aniquilou aos oito Benevodons, os monstros da destrución, e selounos nas oito pedras de Mana. Debilitada e sumida nun profundo sono, os Benevodons foron liberados e desencadeouse una horrible guerra. A nosa misión, como non, será detela.

Elden Ring

FromSoftware

Pouco se sabe de Elden Ring aparte do que puidemos ver no seu trailer do E3. E non é moito máis que nomes, pero menudos nomes: detrás do proxecto estarán Hidetaka Miyazaki (Dark Souls) e George R.R. Martin (Canción de Xeo e Lume/Xogo de Tronos), facendo xuntos un xogo de rol en terceira persoa.

Detrás do proxecto está, como na saga Dark Souls ou Sekiro, a produtora FromSoftware. Convertida en sinónimo de calidade polo seu bo facer na última década, o proxecto promete ser un dos xogos do ano incluso sabendo tan pouco deste.

12 Minutes

Annapurna Interactive

Annapurna Interactive dista moito de ser unha pequena da industria, mais o cariño co que soen coller aos seus proxectos destácaos como unha das empresas máis interesantes do panorama actual. Tras éxitos de crítica como Ashen, Outer Wilds ou Journey, a súa primeira aposta para este 2020 é 12 Minutes, un xogo dirixido polo portugués Luis Anonio.

12 Minutes promete ser un dos xogos interactivos do ano, capaz de crear unha sensación de claustrofobia con poucos precedentes. Nunha noite romántica, cando a escuridade se apodera do cariño de cada fogar, un detective de policía aparecerá na túa casa e acusará a túa muller de asasinato, asasinándote a ti no camiño. Entrarás entón nun loop de 12 minutos, revivindo a mesma escena unha e outra vez ata que consigas descubrir que está a acontecer.

Age of Empires IV

Relic Entertainment

Sabemos practicamente nada da nova estrea de Age of Empires, e mais tendo en conta que aínda estamos a dixerir o fantástico remake que se produciu ao redor da segunda entrega da saga.

Con todo, non podemos evitar pensar que Age of Empires IV debería, tras todos os erros e todo oo aprendido, resultar o auténtico éxito e a renovación da saga que estábamos a esperar, e por iso mesmo está nesta lista como un dos nosos xogos máis esperados do ano.

The Waylanders

Gato Salvaje Studio

Gato Salvaje Studio conseguiu facer The Waylanders unha realidade a través de Kickstarter, e non só estamos contentos por este feito, senón tamén porque poucas veces teremos a oportunidade de xogar a algo así na nosa lingua.

A produtora galega plasma no xogo con paixón un traballo titánico, creando un dos RPGs chamados a estar nas listas de destacados do primeiro ano. Con 40 horas de xogo, máis de 800 habilidades para os nosos personaxes e un deseño que promete que as nosas tácticas de combate luzan como nunca, esperamos poder xogar pronto a esta fantasía.

Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.