‘Pokémon: A Illa da Armadura’ devolve a ilusión á saga

Coa saída de Pokémon: Espada e Escudo abríanse novas portas para a saga de GameFreak. Supuña o primeiro lanzamento da saga orixinal en Nintendo Switch tras o experimento que foi Pokémon Let’s Go, trasladándonos a Galar, unha nova rexión, para descubrir todos os segredos que esta ocultaba e capturar unha chea de pokémon inéditos que aparecerían agora por primeira vez. Tamén cambiaban as mecánicas, deixando a un lado as Mega Evolucións e os Movementos Z para recibir a unha especie de mestura de ambos, as formas Dynamax.

A pesares das críticas negativas e un comezo accidentado e cheo de polémica —principalmente pola decisión de deixar a un lado a clásica Pokédex Nacional e deixando a moitos dos favoritos dos fans fora da saga—, a día de hoxe dende a compañía nipona seguramente clasifiquen a Espada e Escudo como un auténtico éxito. Chegados a xuño de 2020, o xogo situábase xa coma o terceiro xogo máis vendido da saga, superado soamente polo clásico Azul/Vermello e o seu posterior, Ouro/Prata.

O cambio a unha nova xeración tamén supuxo a chegada dun sistema diferente nos xogos de Pokémon. Onde antes, para descubrir novas cousas nunha mesma xeración teríamos por seguro que comprar unha nova edición dun xogo con pequenos cambios (Esmeralda, Platino…), GameFreak agora lanzaría ao mercado un pack de expansión composto por dous DLCs, sendo a primeira destas a Illa da Armadura, saída a finais de xuño.

En certo modo, o primeiro DLC axudaría dende un primeiro instante a recuperar a maxia que os primeiros tráilers do Pokémon Espada e Escudo achegaran. Onde antes atopabamos un mapa que semellaba estático, e onde todos aqueles Pokémon cos que interactuar acababan apartados nunha Área Salvaxe que tiña máis deficiencias que acertos, ao chegar a Illa da Armadura veríamos isto arranxado, sendo lanzados nun mapa de tamaño considerable que funcionaría ao completo como dita Área, mais sendo o escenario principal da historia e permitíndonos recorrer un mundo Pokémon que achegaba máis ilusión que o contido orixinal.

O espazo polo que nos movemos resulta amplo, e o feito de non atoparnos ningún punto ao que non poidamos acceder dende un comezo axuda a crear unha sensación de liberdade que se afasta do estilo lineal ao que Pokémon nos ten acostumados. Resulta pracenteiro acceder aos diversos puntos que conforman o ecosistema da Illa da Armadura, atopando novos Pokémon que capturar durante a viaxe.

O noso percorrido nesta Illa farémolo da man de Kubfu, un novo Pokémon Lendario con liña evolutiva, para o que outro dos novos engadidos, a capacidade dos Pokémon para seguirte polo mapa, será unha das mellores maneiras de entrelazarnos con el. Acompañados deste compañeiro polo mapa (de maneira obrigada) e precisando loitar con el para rematar a historia da DLC, non collerlle cariño semella imposible.

A nivel historia, este feito anterior terá moito peso. Se ben a historia se fai curta, e a dificultade continúa a brillar pola súa ausencia ao igual que no contido orixinal, a empatización provocada por ter un compañeiro de viaxe co que interactuar dunha forma máis activa permite conectar co xogo nunha medida moito maior que antes. A empatía virá apoiada por unha chea de personaxes novos de gran carisma e xeniais deseños, que nos levarán da man da nova aventura.           

O DLC tamén fai fincapé nunha das cousas nas que máis se esmerou o xogo orixinal, fomentando o xogo competitivo mediante diferentes NPCs que axudarán a que os nosos Pokémon poidan prepararse para o combate de maneira máis rápida e engadindo novos ataques que enriquecen o meta, se ben algún deles —sobre todo o ataque Vasta Forza— case seguro verán os seus efectos diminuír os seus efectos destrutivos en xeracións posteriores, igual que pasou coa Mega Evolución de Kangaskhan ou a habilidade característica de Talonflame —un dos Pokémon que regresaron para esta DLC—, Ás vendaval.

Con todo, semella imposible pensar que moito deste contido que se nos tenta vender como novo non debería ter estado aquí dende un principio. Os Pokémon que chegaron nesta DLC xa eran de sobra coñecidos por todos —exceptuando a nova versión de Galar para Slowpoke e Slowbro—, e feitos coma ser seguidos polo líder do teu equipo polo mapa non parece suficiente xustificación como para cobrar por un DLC. Sen embargo, os xogadores habituais de Pokémon competitivo verán nesta Illa da Armadura un verdadeiro sopro de aire fresco que lles obrigará a saír da súa zona de confort e probar novos equipos cos que enfrontarse a novas ameazas, algo que sería imposible poñendo todo este contido dende o principio.

O noso paso pola Illa da Armadura permítenos ver que Pokémon, aínda podendo ter amosado moito do que mostrou nesta primeira DLC no contido orixinal de Espada e Escudo, pode darse o luxo de mostrar unha historia amena chea de elementos que fan deste Pack de Expansión algo verdadeiramente interesante.  

Pokémon: A Illa da Armadura
Detalles
Desenvolvedor: GameFreak
-Ano: 2020

Plataforma
Nintendo Switch
4
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.