Valfaris: Unha vinganza interestelar convertida nun desafío único

A verdade é que non publicamos demasiado relacionado co metal no que vai de Balea Cultural. Non ten que ver tanto con que sexa algo que poida resultarnos descoñecido, senón que tal vez non lle atopamos o espazo que merece a algo tan enorme e rico coma é o estilo musical. Se o pensamos, tal vez sexa o destino e o karma que, despois de tanto esquecernos del no portal, tiveramos que pasar tantas e tantas horas escoitándoo de fondo no Valfaris.

Tal vez na última frase deste primeiro parágrafo estea unha das chaves que fan do Valfaris algo especial: “tantas e tantas horas”, nun xogo cuxa duración completa é tan escasa ao lado da afirmación que, de buscar agora en Youtube as palabras “Valfaris Full Gameplay”, o primeiro que nos atopariamos serían vídeos de, ao redor, dúas horas. Que pasou aquí?

Con gran probabilidade, o primeiro que recibiremos ao xogar ao Valfaris sexa un trofeo chamado Get Used To It (Acostúmate a elo), e tal vez sexa o máis definitorio do xogo: debemos acostumarnos a morrer, pois será unha das cousas coas que, ao cabo das horas, máis familiarizados esteamos.

A historia de Valfaris ponnos na carne, osos e sobre todo no sangue de Therion, fillo destronado do Rei Vroll, que volve ao seu planeta natal —que da nome ao xogo— tras reaparecer este na órbita dun sol moribundo. Ao descender da súa nave, levándose todo ao seu paso, Therion clamará vinganza contra o seu pai e descenderá nese caótico planeta na procura de poñer fin a dita sede.

A historia bebe do tópico, mais en ningún momento nos resultará negativo. De feito, parte do encanto do xogo está en que entraremos nese mundo nefasto e escuro dando por sentado que coñecemos máis do que o propio xogo nos conta, centrándonos por completo nunha xogabilidade que nos poñerá ao límite.

Unha dificultade desafiante

Valfaris consta dunha xogabilidade clásica, onde tres armas para diferentes situacións, un escudo e o comando de saltar deberán ser suficientes para que rematemos con todo aquelo que aparece ao noso paso. O mundo do xogo está ateigado de ameazas preparadas para non darnos un respiro, cada unha cunha mecánica diferente coa que atacarnos e que deberemos aprender para evitar caer unha e outra vez ante eles.

E, asegurámosvos, morreremos ante os máis nimios inimigos máis veces das que a calquera lle gustaría, pero máis veces seremos asasinados en mans de insectos perigosísimos, monstros e robots aterradores e familiares e coñecidos dos que pouco ou nada saberemos, mais Therion si.

Porque se algo supón un reto no xogo son os inimigos finais que nos esperan no medio e ao final de cada unha das zonas de Valfaris que Therion visitará para cumprir a súa vinganza, onde memorizar os movementos non será tan importante nunca como a nosa capacidade para rompernos os dedos tentando movernos con suficiente rapidez para esquivar os seus golpes e non rematar esnaquizados polas súas garras ou raios de enerxía.

Este xogo non busca, en ningún momento, ser un paseo para aquel que decida pasar o tempo nel. Busca e precisa ser un auténtico reto, e bebe deste feito para destacar nun mundo de plataformas no que xa pouco parece quedar que inventar. O feito de que sexa tan difícil, e que debamos pensar en concreto cada un dos nosos movementos, faino especial ata a medula, e o reto que supón só é equivalente ao pracer que sentiremos cada vez que limpemos unha das pantallas que nos desafían a continuar.

Ambientación terrorífica, pero espectacular

Se debemos destacar algo de Valfaris aparte desa xogabilidade desafiante, isto sería a ambientación creada para introducirnos de cheo no xogo e velo como algo novo: preparádevos para que tanto arte e música do xogo nos introduzan como nunca no xénero do metal.

A nivel artístico, cores sobrecargadas, na súa maioría vermellas e azuis escuras, serán as encargadas de encher os nosos ollos unha e outra vez. O propio protagonista do xogo, Therion, viste unha armadura vermella e moverá o seu cabelo azul a modo de headbanging cada vez que desbloqueemos algunha arma nova que poderemos decidir utilizar ou non dependendo da situación e inimigo contra o que nos atopemos.

Mais, con todo, se destaca algo será unha viciosa e potente banda sonora chea de guitarras eléctricas, bombos e pratos que resoarán unha e outra vez nos nosos ouvidos cada vez que morramos e teñamos que comezar de novo a pantalla na que estamos. Ese metal que soa e que ambienta o xogo é o encargado de facer vibrar os nosos corazóns cando nos desafía un inimigo fortísimo, e será algo que podemos rematar amando ou aborrecendo tras tanto tempo en Valfaris.

A cuestión da banda sonora, sen embargo, xoga coma un arma de dobre fío ante o desafío que propón Valfaris. Si, haberá partes e retrousos que se quedarán para sempre nas nosas cabezas, pero moitas outras partes desta quedarán esquecidas ou incluso sen escoitar ante os berros de dor e disparos que envolverán a nosa estancia no planeta reinado por Vroll.

Se andamos á procura dun auténtico reto, Valfaris é o xogo que estabamos esperando. Promete horas de xogo nas que o metal entrará nos nosos ouvidos para crearnos a tensión que un xogo tan escuro como este procura e consegue. Con todo, debemos ir preparados para fallar e aprender dos nosos erros unha e outra vez.

Valfaris
Desenvolvedora: Steel Mantis
Distribuidora: Big Sugar
Ano: 2019
Programación: Thomas Jenns
Arte: Andrew Gilmour
Compositor: Curt Victor Bryant
Plataformas
PlayStation 4
Xbox One
Nintendo Switch
Microsoft Windows
5
Déixanos contarcho!
Mantente ao día das nosas novidades uníndote agora á nosa lista de suscriptores.